domingo, 3 de octubre de 2010

semblanza de Ramiro Villamor

Lida na inauguración da rúa que lle adicou o concello de Palas de Rei.

Semblanza de Ramiro Villamor (Gaiteiro de Santo Xusto)


Hola. Boas tardes a todos: Sr. Alcalde, compañeiros de Corporación, familiares e veciños, amigos todos, gracias por asistir a este acto de merecido homenaxe ó noso veciño e amigo, Ramiro Villamor.
En representación da Asociación de veciños de Santo Xusto vou tentar facer unha pequena semblanza da vida e obra desta persoa tan querida para nós.
Ramiro chegou a Santo Xusto en plena xuventude procedente de A Graña en San Xiao do Camiño, e antes viña de Vilamor, da parroquia de Vilaouriz no concello de Toques, onde nacera no ano 1913. En Santo Xusto coñeceu a Francisca, filla de Maripepa e José do Castro, quén ía ser a muller da súa vida. Pero antes de casar con Francisca tivo que marchar á guerra, onde empezou a exercer un dos seus moitos oficios: o de barbeiro; de tal xeito que no frente era coñecido como “O Barbeiro de Grullós” nome que lle veu dado polo sitio onde establecera a barbería militar, nun refuxio que él mismo construíu no lugar de Grullós, aló en Asturias. Logo de percorrer media España, ó remate da contenda, volveu a Santo Xusto e formou a súa propia familia casando con Francisca no ano 1941, coa que tivo seis fillos: Pepe, Beatriz, Elías, Lurdes, Jaime e Carlos. Da guerra trouxo consigo (aparte das terribles experiencias vividas e os malos recordos) algunhas ferramentas de barbeiro e unha caixa dunha banda de música que comprou por cinco pesos e que tantas veces soaría despois nas romarías da nosa bisbarra.
Establecido xa definitivamente en Santo Xusto comenza a compaxinar o traballo na terra polo día coas noites na barbería. Primeiro na Casa Grande e despois na de Xan Domingos enchíase a cociña de xente agardando o turno para cortar o pelo, xa que non había outro barbeiro en varios kilómetros arredor. Traballador inagotable, nesta época construíu tamén a súa vivenda. Logo, cando tivo casa propia e os fillos xa axudaban, encomenzou a sair para fóra facendo traballos de carpinteiro, ebanista, albanel ou canteiro; oficios que nunca lle ensinaran pero que chegou a dominar de xeito autodidacta. E facendo gala da súa vena artística innata, non só dominou estes oficios se non que realizou con eles auténticas obras de arte. Os que o coñecemos lembramos aquelas tallas en madeira feitas para o antroido, os carros do país, xugos, pero tamén os chineros, aparadores, cómodas, etc. etc. cos seus acabados, que inda hoxe adornan algunhas casas. Cando o ladrillo e o cemento empezaron a conquista do noso medio rural conseguíu algo que nin antes nin despois ninguén logrou coma él: integrar no entorno estes elementos totalmente alleos. Son moitas as obras feitas, pero destacan os hórreos, que non desmerecen nada dos hórreos tradicionais; e son de admirar os panteóns, con inscripcións e relevos feitos en cemento que imitan ou superan a pedra e o mármore (materiais que por certo tamén traballou). En definitiva, as suas obras tiñan o toque e o gusto que solo saben poñer os artistas.
E como artista era capaz de argallar ano tras ano xogos, contos, cántigas, comedias e persoeiros para o máis grande espectáculo que había daquela na comarca: o antroido de Santo Xusto. Noites e noites de inverno preparando con mozos e mozas, nenos e vellos, aqueles desfiles e as ruadas que colleron sona en tódalas aldeas e pobos veciños, contaxiando a todos de ledicia durante tres días, tan necesaria nos anos escuros da posguerra. Seguramente, se foramos capaces de recuperar todo o que alí se presentaba, este antroido sería hoxe un dos destacados de Galicia.     
Pero a súa gran paixón era a música. E nesto tamén foi autodidacta; o primeiro instrumento que tocou foi unha frauta de buxo que él mesmo construiu e que lle sirviu para aprender as melodías máis sinxelas; melodías e frauta coas que empezou a animar algún festexo do pobo. Foi no ano 1960 cando tocou a gaita en público por primeira vez, sen que ninguén lle ensinara, nunha cátedra de baile folclórico que a Sección Femenina organizou en Pidre. A partir de aquí o bon facer e o bon carácter de Ramiro fixo que fora medrando a súa sona como gaiteiro, na comarca e fora dela. Acompañado polos fillos na percusión e facendo voces chegaron a actuar en sitios tan alonxados para daquela como Baralla, ou por exemplo na inauguración da ponte nova do embalse de Portamarín. Desde entón, cantas e cantas festas e romarías alegrou o Gaiteiro de Santo Xusto. Tiña un repertorio inacabable: interpretaba as pezas tradicionais pero tamén aquelas cancións que estaban de moda, que soaban na radio, e que él adaptaba á gaita para que a xente puidera bailalas, ou aquelas pezas antigas que escoitara sendo neno e que chamaba “do fondo da hucha”, auténticas xoias da nosa historia musical. Lémbrome das alboradas polas casas, as misas, os bailes, ou compartindo escenarios con bandas e orquestras, como o son daquela gaita acompañou varias décadas da vida das nosas xentes.
Pero por enriba de todo teño que decir que era unha persoa querida e apreciada por todos os que o coñecían. Como veciño era o mellor veciño: xeneroso e humilde. Practicou a filantropía coma niguén, sempre disposto a axudar desinteresadamente. E soupo transmitir á súa familia todos estes valores, ademáis (como non) da súa paixón e dotes artísticas, creando xunto con fillos e netos unha saga de grandes músicos e gaiteiros de prestixio. Cando nos deixou para sempre, no ano 1993, quedou un baleiro en Santo Xusto moi difícil de encher.
Persoalmente compartin moitas horas co Sr. Ramiro. Cando era neno e xa de máis grande tiven a sorte de traballar con él e acompañalo en moitas romarías por toda a bisbarra. Foi o meu primeiro mestre musical, pero ademáis foi mestre noutros ámbitos da vida, e sempre recibín del o apoio e o bon consello. E ademáis do que dixen antes, de ser un gran artista, que o era, de ser unha gran persoa, que a era, eu destacaría nel algo que vexo agora coa perspectiva que me dan os anos: a capacidade que tiña de crear ilusión nos que o rodeaban. Non se sabía como nin de onde pero él argallaba a maneira de que as cousas que parecían imposibles foran incluso doadas. Era capaz de facer grandes obras partindo do pouco que había, transformar aquela miseria en ledicia, convertir os devezos en realidades. Os que o coñeceron saben que nunca quedou algo por facer que estivera nas súas mans: nunca quedou unha obra sen rematar por falta dun material, nunca quedou unha festa sen música por falta de cartos... En definitiva, era o primeiro en colaborar para facilitar a vida dos demáis.    
Por todo esto e mais cousas, que é imposible expoñer aquí, os seus veciños consideramos que era merecente dun recoñecemento público. E por eso, fai uns anos, sendo eu concelleiro, cando se renovou o rueiro de Palas, propuxen á Corporación Municipal que se lle adicara unha das novas rúas; e teño que darlles as gracias aos membros daquela Corporación porque a proposta foi ben valorada e aprobada por unanimidade, inda que moitos dos que alí estaban non tiveron a sorte de coñecelo.
Hoxe estamos aquí na rúa Ramiro Villamor, e sinto unha grande satisfacción, que un amigo teña seu nome nunha rúa da nosa vila. E os veciños que viven aquí poden sentirse orgullosos desta fermosa rúa e deste nome, porque corresponde a un gran artista, pero sobre todo corresponde a un home do pobo, traballador e honrado. Corresponde a unha gran persoa: Ramiro Villamor, gaiteiro de Santo Xusto.

Remato cunhas palabras que escribín fai uns anos que pretenden ser un pequeno poema, e que di así:



In Mem. Ramiro Villamor  (Gaiteiro de Santo Xusto)



Imos gallopar no coiro
ata que estremeza a terra,
ata que fuxan os choros,
ata que estoupe a miseria.
Imos apretar o aire
ata que arrote entre a cana,
ata que se esqueza a fame,
ata que sequen as bágoas.

Artistas de queixo duro,
cunca de viño, pantrigo.
Fan adobíos de buxo;
dos ruídos, aloumiños;
da auga da chuvia, muxicas;
do aire nas buxas, encaixes;
da raiola, romarías;
anceios da realidade.


Preto do lusco e do fusco
rompendo a monotonía,
gaiteiro de Santo Xusto
no punteiro repenica.

As medias de branco liño
pintan no ar bolboretas;
os zocos de coiro louro,
tórnanse aves lixeiras.
O eivado ponse dereito,
a estirada ponse torta.
A ialma trousa devezo,
coma gaiola sen porta.





José M. García Miguélez.
Palas de Rei, 2 de outubro de 2010.

No hay comentarios:

Publicar un comentario